O xornalista, politólogo e doutor en Historia Contemporánea Anxo Lugilde (Lugo, 1970) é un dos cronistas políticos galegos de referencia dende hai máis de dúas décadas. No outono de 2020 decidiu "saír do armario" da depresión para contar que levaba "máis de dous terzos" da súa vida sufrindo os efectos da "vella compañeira", alcume que Xosé Manuel Beiras puxo á enfermidade cando a padeceu. Lugilde agradece que o veterano político lle prestase a expresión para titular A vella compañeira ao libro que este 22 de setembro chegou ás librarías en galego (Luzes), castelán (Península) e catalán (Columna Edicions).

A vella compañeira sae do prelo tras recaídas depresivas que, ilustra Lugilde, comparativamente converteron as súas depresións da adolescencia en episodios "case de xoguete". O "becho invisible" exerce un "poder absoluto" que deriva en "cadros de auténtico terror" aos que se engade a "estigmatización social", o "círculo vicioso" no que a culpa, explica, semella acabar sendo do propio doente ata conducilo ao "desastre".

Anxo Lugilde tira do prelo en galego, castelán e catalán 'A vella compañeira', un libro asentado na loita contra o estigma no que o relato de episodios de enorme sufrimento provocados pola depresión se entrelaza co ritmo dunha novela de viaxes e os detalles máis íntimos e duros da batalla, con doses esenciais de retranca

A loita contra o estigma é, precisamente, un dos piares dun libro inzado de referencias políticas e históricas, unha obra que é tamén unha viaxe entre Galicia e Catalunya, as dúas patrias de Lugilde. No texto, o relato descarnado de episodios de enorme sufrimento entrelázase co ritmo dunha novela de viaxes e os detalles máis íntimos e duros da batalla contra a vella compañeira combínanse con doses esenciais de retranca: "Cando estaba no psiquiátrico dicíalles que se me fora a man co traballo de campo" para escribir un libro, lembra.

Lugilde sinala tres influencias fundamentais para A vella compañeiraSe isto é un home, de Primo Levi -"non porque eu aspire a compararme con el", matiza decontado-, o enfoque bélico e retranqueiro de El mejor peor momento de mi vida, do "inesquecible compañeiro" Nacho Mirás, e a técnica da escrita de Stefan Zweig n'O mundo de onte. Todo, para construír un libro que chega no que semella recta final da pandemia da COVID-19, "unha proba tremenda para a saúde mental" cuxos efectos, advirte, aínda "aparecen agora", pero moitas persoas, coma el mesmo, xa os sufrisen. As máis das veces, en silencio.

 

Artigo e fonte; https://praza.gal/cultura/a-depresion-e-unha-enfermidade-totalitaria-e-con-vocacion-asasina-dominate-e-tenta-conducirte-a-morte