VALENTÍN GONZÁLEZ FORMOSO PRESENTA UNHA “NOVA ETAPA” NO PSdeG BASEADA NOS “PRINCIPIOS DA UNIDADE, DA LEALDADE, O PROGRESISMO, A SOCIALDEMOCRACIA E O GALEGUISMO”

Información
Localidades de Galicia | 07 Diciembre 2021 | 808 Votos | Correo electrónico | Imprimir

Congreso PSdeG 071221 02O novo secretario xeral do PSdeG-PSOE intervén na apertura do 14 Congreso dos socialistas galegosO novo secretario xeral do PSdeG-PSOE intervén na apertura do 14 Congreso dos socialistas galegos
Santos Cerdán empraza aos socialistas galegos a abrir un proceso de recuperación para establecerse como alternativa a un PP que constitúe “un peso morto para o presente e o futuro dos galegos e das galegas”


Santiago de Compostela, 07 de decembro de 2021. O novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, abriu o 14 Congreso do partido, que se celebrou hoxe en Santiago de Compostela, chamando a abrir unha “nova etapa” baseada nos principios da “unidade, a lealdade, o progresismo, a socialdemocracia e o galeguismo”. González Formoso interveu no acto inaugural que abriu o secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, e no que participaron os expresidentes Laxe e Touriño.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE emprazou a deixar as discrepancias internas a un lado para “estar unidos e unidas para dar o mellor de nós mesmos, como dignos herdeiros dos socialistas que nos precederon” e situar aos socialistas galegos no camiño de “aspirar a gañar as eleccións en Galicia”. Reivindicou unha etapa que agora se abre de “catro anos nos que o noso obxectivo será mellorar a vida dos galegos e das galegas”.
Reclamou apartar as “cuitas internas” para “non brindarlle as nosas diferenzas a unha dereita e un Feijóo que no peor momento escolleu o papel de líder da oposición ao goberno do Estado”, así como a “ese nacionalismo que se deita unha noite sendo amable e levántase ao día seguinte proclamando a república independente de Galicia”.
Apelou a “sacar o mellor de nós mesmos, conscientes da altísima responsabilidade que supón gobernar Galicia” e reclamou “non resignarnos a que Galicia sexa territorio do PP, porque Galicia non é de nadie, é de quen a atenda, a entenda e quen a defenda”. Asegurou que “aspiramos a gañar as eleccións en Galicia sen dramatismos, sendo leais dende a oposición e establecendo unha alternativa á política destrutiva do PP”.
O novo líder dos socialistas galegos sinalou que “para iso non sobra ninguén, todo o mundo ten un papel e ten valía”, polo que anunciou unha nova etapa de “agromar talento do PSdeG” e “abrir esta casa para captar á inmensa maioría social que quere ver un país mellor”. Así o dixo logo de recoñecer o traballo do anterior secretario xeral, Gonzalo Caballero, con quen recoñeceu “discrepancias políticas, pero nunca persoais”.
Engadiu que “as maiores cotas de benestar social acádanse cando gobernamos nas institucións”, e puxo como exemplo que “se o goberno de Sánchez non existira, hoxe non habería o maior paraugas social” da historia para protexer á cidadanía fronte á crise derivada da covid.
Santos Cerdán
O secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, deu os parabéns ao novo secretario xeral do PSdeG, a quen lle sinalou que “tes o dereito de montar o equipo que desexes e o deber de poñer ao PSdeG onde merece, á fronte da Xunta de Galicia” e como principal referente da esquerda galega.
Tamén lle agradeceu ao secretario xeral saínte, Gonzalo Caballero, o seu traballo durante os últimos 4 anos, e sinalou que “ninguén pode cuestionar o seu traballo á fronte da secretaría xeral”. A continuación, salientou o valor das eleccións primarias como exemplo de democracia interna no partido e emprazou a “aceptar os resultados e poñerse a disposición de quen ten gañado”.
Chamou á unidade dos socialistas galegos, que representan os valores da socialdemocracia, o sentido de Estado, o progreso e a xustiza fronte a un PP que constitúe un “peso morto para o presente e o futuro dos galegos e das galegas”. O mesmo PP, dixo, do “sálvese quen poida”, que coarta a liberdade, que “abandonan aos cidadáns cando as cousas non van ben”.
Afeoulle neste sentido ao presidente da Xunta que lles vaia deixar sen aplicar a Lei de Vivenda de España, deixando aos mozos e mozas sen a axuda de 150 euros mensuais para aluguer de vivenda. Criticou “tanta miseria moral e tan pouca valía institucional”, aos que “todo lles vale con tal de atacar ao goberno”, o mesmo que vén de acadar 10.000 millóns de fondos UE e que vén de aprobar os Orzamentos por ampla maioría.
Expresidentes
A sesión inaugural contou coa intervención dos expresidentes da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, que reivindicaron o perfil galeguista e a autonomía do PSdeG, dun partido “con voz propia, non subalterno, que se deba aos galegos e ás galegas e defenda os intereses de Galicia por riba de todo”. 
Así o dixo Pérez Touriño, quen reclamou un partido “que volva ser un instrumento útil, que lle dea seguridade e confianza aos galegos e ás galegas, que saiban que nunca lles imos a fallar, que sempre estaremos ao seu lado”. O ex presidente e ex secretario xeral advertiu que “os momentos de dificultade están directamente relacionados a cando caemos no labirinto interior do partido”.
O ex presidente González Laxe, pola súa banda, sinalou que “o PSdeG ten que se reivindicar” e remachou que “se non se reivindica, Galicia non avanza”. Apuntou que “para gobernar Galicia, para acadar a presidencia da Xunta e para artellar un país solidario temos que defender a Galicia”.
Apuntou á desigualdade ou á crise do sector industrial como dous dos grandes problemas de Galicia que PSdeG ten que atender para ser un partido útil aos galegos e ás galegas, onde o 24 por cento da poboación vive por debaixo da taxa da pobreza, o 9 por cento da pobreza severa e o 11 por cento non pode consumir carne ou peixe dous días á semana.
O Congreso contou tamén cos saúdos de Xurxo Doval, en nome de Xuventudes Socialistas de Galicia, así como do secretario xeral de UUAA, Roberto García, de CCOO, Amelia Pérez, ou do secretario de Organización de UGT, José Luis Fernández Celis. No conclave tamén estiveron presentes os principais representantes institucionais do PSdeG, como os alcaldes de Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol, ou os ex secretarios xerais José Ramón Gómez Besteiro e Antonio Rodríguez.
O Congreso rematará mañá mércores co acto de clausura, no que intervirán o secretario xeral, Valentín González Formoso, e o secretario xeral do PSOE e presidente do goberno, Pedro Sánchez, logo de presentar aos novos membros da Comisión Executiva Nacional Galega.

social youtube xornalgalicia   feed-image