O PP NÉGASE A PROMOVER A CREACIÓN DUNHA OFICINA ANTICORRUPCIÓN INDEPENDENTE

Información
Localidades de Galicia | 22 Diciembre 2021 | 1542 Votos | Correo electrónico | Imprimir

Pablo Arangüena 221221 03Pablo Arangüena presenta 8 eixos de mellora da calidade da administración pública, incluíndo mecanismos para optimizar a avaliación e calidade dos servizos, aumentar a transparencia e participación cidadá e implantar novos mecanismos de control.

 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021. O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, lamentou hoxe o voto en contra do PP a unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG no Parlamento con oito eixos para a mellora da calidade administración pública. Esta iniciativa incluía diversas propostas como a creación dunha oficina anticorrupción independente xa presente noutras comunidades autónomas, da que o PP galego “non quixo saber nada”.

Arangüena criticou a negativa do PP a adoptar mecanismos de bo goberno que “funcionan como contrapesos que garanten a protección da cidadanía fronte a hipotéticas arbitrariedades do poder público e o uso indebido dos cartos ou patrimonio públicos”. Engadiu que “os controis internos e a existencia de institucións independentes que fiscalicen a acción administrativa son elementos básicos para poder dicir que unha democracia é tal e non unha democracia meramente formal”.

Cualificou de “atentado ao sentido común” que o PP xustificara a súa negativa de hoxe acusando aos socialistas de “falla de exemplaridade”, cando “a primeira sentenza da Gürtel constata un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional” no PP. Lembrou que este ademais son responsables de dirixir a deputación “máis opaca e falla de transparencia”, a de Ourense, onde o 80 por cento dos contratos e subvencións “son concedidos a dedo a amigos do PP”.

Os eixos propostos hoxe pasan por establecer procedementos garantistas, réximes de incompatibilidades, ou a avaliación de políticas públicas, que actúan como “mecanismos de control e limitación do poder estatal”. Sinalou que “por moito que o PP diga que a administración galega é marabillosa, non deixa de ser unha mentira que ofende á intelixencia da cidadanía que se relaciona con esa administración e que se ve enmarañada nun mundo burocrático de tintes kafkianos”.

Así o constata o único índice sobre calidade de goberno que se publica en Europa, concretamente pola Universidade de Gotemburgo, que sitúa a Galicia na posición 14 das 17 do Estado en materia de calidade de goberno, “ben por debaixo da media estatal”. Lembrou que na primeira edición deste índice, en 2010, Galicia ocupaba a segunda posición, pero cos sucesivos gobernos de Feijóo “caemos en picado pasando ás últimas posicións”.

Esta realidade, dixo, “implica unha urxente necesidade de mellora dunha administración que con demasiada frecuencia entorpece en lugar de dinamizar”. Así o constata tamén o Banco Mundial, que na única vez que mediu a facilidade para facer negocios nas comunidades autónomas, no ano 2015, situou a Galicia na última posición do ránking, por debaixo de 17 comunidades autónomas, incluíndo Ceuta e Melilla.

Arangüena sinalou ademais o recente informe do Consello de Contas sobre a contratación de persoal na Xunta entre os anos 2014 e 2019, no que constata o “descontrol” en tódolos organismos dependentes da administración autonómica.

Este informe “demoledor” alerta do incumprimento dos principios de control, garantía e transparencia nun proceso de contratación que “perpetúa situacións de abuso e arbitrariedade, nunha estratexia deliberada para patrimonializar postos da administración con afíns ao PP.

Proposta

O responsable socialista presentou unha serie de propostas para a mellora da administración autonómica, ademais da xa citada oficina anticorrupción, que pasan pola mellora da avaliación das políticas públicas. Tamén propuxo aumentar da calidade dos servizos mellorando a administración electrónica e a coordinación e simplificando a prestación de servizos, ou a mellora da transparencia e o incremento da participación cidadá.

A proposta inclúe incorporar a avaliación das políticas públicas entre as funcións do Consello de Contas, así como a mellora dos procesos de contratación e xestión de persoal público, para garantir que a contratación faga efectivos os principios de legalidade, igualdade, mérito e capacidade. Tamén propuxo aplicar a directiva comunitaria de protección dos denunciantes de corrupción, ou crear o rexistro de entidades do sector público de Galicia.

Arangüena reclamoulle hoxe ao PP e ao goberno galego que adopten esta medidas para facer efectiva a necesidade dun “cambio de paradigma na xestión do público en Galicia”, tal e como figura na súa propia Lei de Simplificación Administrativa, aprobada en febreiro deste mesmo ano. Sinalou que “recoñecen expresamente na lexislación que promoven a necesidade dunha nova cultura organizativa na administración”, pero “é imposible facelo cunha lei de 77 artigos”.

social youtube xornalgalicia   feed-image