Información
Localidades de Galicia

Ourense en Común cuestiona o compromiso de Jesús Vázquez co Ateneo

Información
17 Agosto 2018 675 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Ourense en Común rexistraba na mañá de hoxe unha pregunta dirixida ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, coa finalidade de coñecer o estado das negociacións coa Xunta de Galicia para ceder o espazo da actual Biblioteca Nodal a colectivos culturais da cidade, entre eles o Ateneo.

    Unha emenda de Ourense en Común a unha moción do PSdeG-PSOE, aprobada por toda a oposición no pleno celebrado en febreiro de 2017, obrigaba ao equipo de goberno do Partido Popular en Ourense a: “trasladar á Xunta de Galicia o compromiso desta Corporación Municipal para a futura cesión gratuíta das instalacións do actual edificio da Biblioteca Pública de Ourense na Rúa Concello nº11 (que quedarán baleiras despois do seu traslado ao Complexo de San Francisco) co fin de garantir o seu uso social como hotel de asociacións e espazo de creación cultural. Albergando entidades culturais referentes da cidade como o Ateneo de Ourense e o Cineclube, así como aqueles outros colectivos comprometidos co desenvolvemento cultural dentro do municipio”.

    Uns meses despois daquel acordo, o desaloxamento da Sociedade Recreativa Cultural Ateneo volvía a poñer sobre a palestra a posibilidade de empregar as instalacións anexas ao Parque da Alameda do Cruceiro como centro de referencia cultural da cidade. Neste caso, un pleno extraordinario promovido conxuntamente por Ourense en Común e PSdeG-PSOE sacaba, “agora si”, o acordo do goberno de Jesús Vázquez Abad para esixirlle á Xunta de Galicia a cesión urxente e gratuíta dunhas instalacións no actual edificio da Biblioteca Pública de Ourense na rúa Concello, nº 11 (...) co fin de evitar a desaparición do Ateneo de Ourense.

    Máis de ano e medio despois, o Ateneo continúa nunha sede provisional e moitas entidades culturais agardan sen espazo físico para desenvolver a súa actividade, entre outras as decenas de colectivos que conforma ESCUA (Espazo Cultural Alternativo de Ourense), razón pola que o voceiro municipal de Ourense en Común cuestionaba hoxe o compromiso de Jesús Vázquez Abad coa cultura local e volvía a poñer no foco a incompetencia da concelleira Belén Iglesias.

    “O Ateneo non é unha pequena Asociación Cultural, é unha sociedade na que participa a administración pública como recollen os seus estatutos, integrando ao Delegado Provincial da Xunta de Galicia nos seu órganos de dirección. É un referente local de liberdade, encontro e diversidade. Porén ao alcalde e á súa concelleira de cultura semella non importarlle como non lle importa o Outono Fotográfico, o Festival de Cinema e tantas outras. Ourense vive nun escenario ferido de morte para a cultura nas mans do Partido Popular e Belén Iglesias, á que máis de 300 persoas no mes de agosto xa lle pediron a súa dimisión nunha campaña en Change.org. Estamos seguras que no mes de setembro a cifra seguirá aumentando. E pediremos novamente a súa dimisión en pleno”.