Información
Localidades de Galicia

FERVENZAS CARECE DE SERVIZOS BÁSICOS

Información
15 Enero 2019 311 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

O goberno local está obrigado a levar os servizos a todas as aldeas: alumeado ou traída non deberían verse supeditarse á busca do voto. Toda Aranga perde cunha política clientelar.”

 

Os servizos son fundamentais para fixar poboación, pero as infraestruturas viarias son tamén imprescindíbeis. Temos un grande potencial non só no patrimonio natural e histórico, senón tamén na nosa localización ao pé da N-VI ou da A-6.”

En Fervenzas tamén pagan impostos. Por iso teñen dereito a ter tamén os servizos básicos. Este goberno deixa no abandono a maior parte de Fervenzas.”

Aranga, 14 de xaneiro.- O pasado sábado 12 de xaneiro, o candidato do BNG á alcaldía de Aranga reuniuse con veciños e veciñas de Fervenzas, que dixeron sentirse “abandonadaspolo goberno local. O portavoz nacionalista, Carlos Díaz, destacou que as carencias da parroquia son “evidentes” en servizos tan básicos como o “alumeado, traída de auga ou residuos”. Desde o BNG reclamaron ao goberno que “renuncie a unha política clientelar e se poña a traballar” para conseguir que todo o concello teña acceso aos servizos básicos, tal como marca a lei de réximes locais.

As maiores deficiencias, localizadas na zona central e baixa da parroquia

As carencias concéntranse, segundo informa a veciñanza, nos “medios e baixos da parroquia de Fervenzas”, é dicir, na zona central e baixa, coas aldeas da Fontevella, o Mato e a Tragallía, ademais da Carballeira e Muros até o Painzal, Mende e Fervencedo. Os veciños considéranse abandonados polo goberno local, que se tería centrado na zona alta da parroquia, onde xa colocaron puntos de luz con led e engancharon ás casas á rede de sumidoiros, servizos que nas outras dúas zonas brillan pola súa ausencia.

O BNG recolle as queixas da veciñanza de Fervenzas, “cansos de reclamar ao goberno local as carencias que sofren na prestación de servizos”, informa o portavoz nacionalista, Carlos Díaz, “non só no alumeado, sempre insuficiente, senón tamén na traída da auga municipal ou o enganche á rede de sumidoiros, que teñen desde hai tempo na zona da Torre Lavandeira. En cambio, na parte media e baixa de Fervenzas dependen aínda de fosas sépticas ou tubaxes de formigón colocados hai décadas polo veciños. Polo que nos comentaron, a traída está solicitada en Painzal e en Mende, sen que tivesen resposta do goberno local”, comentou Díaz.

Os servizos, clave para fixar poboación

Desde o BNG reprochan ao goberno local que os servizos “non poden verse condicionados polo maior ou menor apoio dos veciños ao PP, nin están condicionados polo número de habitantes nesas aldeas. O goberno local está obrigado a levar os servizos a todas as aldeas, polo que alumeado ou traída non deberían verse supeditarse á busca do voto. Toda Aranga perde cunha política clientelar”, denuncia Díaz.

Os servizos son fundamentais para fixar poboación, pero as infraestruturas viarias son tamén imprescindíbeis. Temos un grande potencial non só no patrimonio natural e histórico, senón tamén na nosa localización ao pé da N-VI ou da A-6”, engaden os nacionalistas.

Outra preocupación das veciñas é o estado da principal infraestrutura viaria da parroquia, a CP-0302, que une Ois e Teixeiro, unha arteria que une tres concellos e pola que pasa a liña de autobús A Coruña-Sobrado, ademais do autobús escolar, nunha vía co mesmo tránsito que a veciña AC-840.

Falta de mantemento nas pistas

Ante as queixas da veciñanza polo estado das estrada e das pistas, desde o BNG insistiron en que é responsabilidade do goberno local “verificar o estado das pistas e controlar os posíbeis estragos causados polas cortas de madeira nesta ou noutras parroquias do concello”.

Na pista que vai da Carballeira até Muros, o BNG detectou varandas de ferro “case no aire” na chamada “Ponte grande” sobre o río Bexo e a ponte pequena, sen ningún tipo de varanda. Tamén chama a atención o diferente estado do firme na aldea de Boqueixón, do lado de Aranga e comparalo co de Coirós, moito máis coidado. A sensación do lado arangués, en cambio, é de abandono.”

En Fervenzas tamén pagan impostos, por iso teñen dereito a ter tamén os servizos básicos. Este goberno deixa no abandono a maior parte de Fervenzas”, denunciou Díaz.

Captacións doutros concellos no noso territorio

Outra cuestión destacada polo grupo nacionalista é a captación de auga en Fervencedo, no concello de Aranga, pero que está destinada ao concello de Coirós e que contribúe a diminuír a beleza das fervenzas do río Bexo. A veciñanza recorda que ao cortar o caudal ao Bexo, a fervenza perdeu boa parte da súa beleza.

Se a isto lle engadimos os planes de Irixoa de instalar outra captación en Aranga, só podemos preguntarnos os motivos polos que o goberno local non dá contas á veciñanza dos acordos con outros alcaldes”.