Información
Elecciones municipales de Galicia

Mila Castro, explicaron algunhas das 33 medidas contempladas no programa electoral

Información
15 Mayo 2019 157 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Un fondo de emerxencia, un servizo de comedor a domicilio e unha unidade móbil para cubrir as necesidades do rural; son algunhas das propostas de acción social presentadas pola candidatura de  Bugallo

O candidato a alcaldía de Santiago e a número 3 da súa lista, Mila Castro, explicaron algunhas das 33 medidas contempladas no programa electoral, baixo o epígrafe “Un concello a carón das persoas”.


Santiago de Compostela, 15 de maio de 2019.

Tres novos centros de día, unha nova residencia de maiores, un fondo de emerxencia para atender as demandas máis urxentes a nivel social, un servizo de comedor a domicilio e unha unidade móbil para cubrir as necesidades dos distintos núcleos rurais. Son algunhas das propostas en materia de acción social, que hoxe presentaron o candidato a alcaldía de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; e Mila Castro, número 3 da súa candidatura. Un total de 33 medidas recollidas no programa electoral baixo o epígrafe “Un concello a carón das persoas”.


Entre esas medidas, a realización dun Mapa Social que sitúe no territorio municipal as necesidades e os recursos de intervención, así como un Plan Estratéxico de Desenvolvemento Social 2020-2030 que oriente as políticas municipais nun horizonte de medio e longo prazo. Tamén está contemplado dotar de estabilidade e capacidade dabondo á área de atención ou primeiro contacto da cidadanía cos Servizos Sociais. Neste momento está atendendo a unhas 50 persoas o día. Por iso, Mila Castro insiste en que é preciso “reforzar este servizo ampliando o horario do sistema de atención inmediata, que neste momento só funciona dúas horas, de 9:00 h. a 11:00 h.“.


Outra proposta destacada, para Mila Castro, “a descentralización real e efectiva dos servizos sociais”, e unha medida que cualificou de importantísima: “a creación dunha unidade móbil para o ámbito rural, que atenda ás necesidades sociais” da poboación que vive nas distintas parroquias e núcleos rurais do concello. Tamén considera necesario  reforzar o servizo de axuda no fogar, cun servizo de comedor a domicilio que se denominará “Xantar na casa”.


Sánchez Bugallo explicou que nestes momentos, en Santiago, hai 4.000 persoas maiores que viven soias, a maioría mulleres. Por iso son precisos novos centros de día e novas residencias de maiores. O programa contempla unha oferta de tres novos centros de día, no Ensanche, na Cidade Histórica e no rural; porque, explicaba Mila Castro “nos 8 últimos anos non se abriu ningún centro deste tipo, é parécenos que é unha necesidade para as familias, sobre todo aquelas nas que existen persoas dependentes. Cremos que estes centros de día lle darán un respiro principalmente a esas mulleres que están coidando a familiares dependentes”. Tamén, continúa Castro, “realizaremos unha reclamación á Xunta de Galicia para a construción do centro de saúde da zona sur, que corresponde a Conxo”.


Outra prioridade: unha nova residencia de maiores. Para que sexa unha realidade “poremos a disposición da Xunta de Galicia solo para a súa construción”. Explicou Bugallo que “hai en principio un compromiso de construír unha en Fontiñas, pendente de executar, pero precísanse máis para atender a esas 4.000 persoas que viven soias en Santiago”. Aclara o candidato á alcaldía que “máis do 50% dos usuarios das residencias de maiores de Santiago, son de fóra, “é dicir, temos unha dotación de residencias que non está exclusivamente ao servizo de Compostela. Está dentro da rede autonómica. Por iso cremos razoable facer outra residencia, aparte da de Fontiñas”. Cita máis argumentos “coñezo persoas de 94 anos, que levan un ano en lista de espera. E seguro que hai moitas persoas que poderán contar a súa experiencia, de familiares que lles morreron esperando unha praza nunha residencia”.


Outra medida citada por Mila Castro: establecer un programa de saúde bucodental para persoas con rendas baixas e/ou sen recursos que estean en risco de exclusión social, en colaboración coa Facultade de Odontoloxía da Universidade de Santiago. “Foi unha das liñas vermellas que lle puxemos o actual goberno para aprobar os orzamentos, cunha dotación de 100.000 euros, que se viu reducida a 70.000, pero non foron quen de polo en funcionamento”.


Para Mila Castro, “tamén é importante incrementar a partida a comedores escolares e a actividades extraescolares “nunha cantidade suficiente que garanta que ninguén quede en situación de exclusión”. De feito, explica, “este ano houbo un problema con 45 familias que quedaron fóra das bolsas de comedor por unha causa administrativa. As familias  presentaron a declaración do IRPF do 2017, naquel momento tiñan traballo, pero no actual curso, non. E non foron admitidos. Para iso, para estas contixencias, crearamos un fondo de emerxencia e un fondo que prestará axuda a todas estas familias que se atopen nunha situación sobrevida”.


Este fondo dotaríase, segundo explicou Bugallo, con 250.000 ou 300.000 euros, cantidade suficiente para atender todas as emerxencias sobrevidas, é dicir, aquelas non previsibles. Para o candidato á alcaldía, hai un problema que compre solucionar, “se os pais quedan sen traballo, e a familia queda nunha situación terrible, para obter unha axuda de comedor ten que esperar ao ano seguinte a que fagan a declaración da renda. Iso é un disparate. Ten que haber un mecanismo que ante unha situación de emerxencia, permita darlle unha solución inmediata”. Engade o candidato á alcaldía “a situación das persoas pode cambiar dun día para outro, e non se pode esperar un ano ou ano e medio a que presente a declaración da renda”. Igual, continúa “que asumimos o compromiso de que a solicitude de bolsas de comedor ten que estar resolta en setembro. Resolvela en febreiro é un problema importante, porque, que fan eses nenos? Moitos xa non se meten no comedor, porque non saben se van ter axuda; e outros quedan nunha situación precaria que recae, ás veces sobre a propia ANPA, ou sobre quen sexa. Que tamén ese fondo de emerxencia sirva para axudas en medio do curso escolar. Porque pode haber pais que están pagando a súa cota, e que en xaneiro ou febreiro, quedan sen traballo. Non van esperar ao curso seguinte”. En opinión de Bugallo, “ten que haber un mecanismo de resolución inmediata”.


Tamén é importante, segundo Mila Castro, mellorar os procedementos administrativos. “Cremos que as medidas de emerxencia social non se poden tratar con tempos de tramitación longos, en procesos nos que a solución ten que ser inmediata”. E tamén, engadiu Castro, “incrementaremos a dotación de orzamento destinado a renda social”.


Aclara o candidato á alcaldía que “simplemente con executar o orzamento que hai hoxe, podemos levar a cabo partes destas medidas”. Cita datos: “en 2017 ( non temos os datos da liquidación de 2018, porque non está presentada), en prestacións sociais básicas quedaron máis de 1.300.000 euros sen gastar. Voulle dicir unha cousa. Todo o que acabamos de dicir se cubre con ese diñeiro. Non é tanto que plantexemos un incremento do orzamento, se non un incremento do gasto efectivo”. Argumenta Bugallo que “un dos grandes problemas de Compostela Aberta, e do goberno do Sr. Noriega, é que desde o punto de vista do discurso orzamentario é un dez, pero desde o punto de vista da realización práctica é un catro e medio. Porque hai un diferencial enorme. Onte sumei varias partidas para un debate. De oito millóns orzamentados, catro millóns quedaron sen gastar. Hai unha diferenza enorme entre o dito, o prometido, e o realizado”.



Preguntas



A preguntas dos xornalistas, Sánchez Bugallo, sinalou que a visita de Pedro Sánchez “desminte algunhas informacións maliciosas relativas a que sen Pedro Sánchez o socialismo era outra cousa, era diferente… Isto reforza que os socialistas somos os socialistas. Pedro Sánchez é o noso secretario xeral e o presidente do Goberno de España. Para nós é un inmenso orgullo, un inmenso honor e unha inmensa satisfacción e moi importante recibilo en Santiago, comprobar o afecto e o apoio social que ten e quedar en chamalo despois do día 27, para falar dos temas do Ano Santo do 2021 e do Consorcio da Cidade de Santiago. Que por certo, niso quedei”. Adiantou Bugallo que Pedro Sánchez “se comprometeu a vir no 2021, e a facer un tramo do Camiño de Santiago, e manifestou que tiña moito interese en facelo”. Ainda que, engadiu “ten que vir antes”.  

Para rematar, Sánchez Bugallo volveu incidir en que “eu son o candidato do Partido Socialista. Non teño que dar explicacións porque levo 40 anos no mesmo sitio, e nunca cambiei de marca, nin penso facelo. Son o candidato do Partido Socialista. Pero o que quero é ser o alcalde de Santiago, e o alcalde da cidadanía de Santiago. E iso está por enriba da militancia socialista. Como sempre foi mentras fun alcalde. Como sempre sucedeu mentras foi Xerardo Estévez”.

Unha diferenza fundamental, engade “entre uns alcaldes e outros, como o que está agora, é se se traballa para a parroquia ou se traballa para todos. Todos os cidadáns teñen que sentir que o alcalde é o seu alcalde, votárano ou non. E a partir do 27 de maio, traballerei con todos e todos serán benvidos para traballar comigo. Todos”. Finaliza dicindo “non teño intención, nunca o fixen na miña vida, de preguntarlle a ninguén que votou. Que voten con total liberdade o que consideren mellor para a cidade. Se o elexido son eu, que saiban que a miña porta sempre estará aberta, porque iso é o que ten que facer un alcalde, ten que unir aos cidadáns, non ten que enfrontalos uns con outros”. “Ten que unilos, e polo tanto, ten que estar ao servizo de todos. Conclúe: “son o alcalde do Partido Socialista para ser o alcalde de todos os composteláns”.


 
--
#vamosstgo #vamossantiago