Información
Elecciones de Galicia

REFLEXIÓNS E PROPOSTAS EDUCATIVAS ELECCIÓNS GALEGAS 2016

Información
09 Agosto 2016 2313 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Como vén sendo habitual na nosa organización, combinamos outra vez a nosa actuación en múltiples institucións educativas e culturais co noso exercicio reflexivo sobre a educación, achegando un conxunto de ideas e propostas con ocasión da celebración das próximas eleccións galegas e da subseguinte apertura dunha nova Lexislatura. Porén, non deben ser concibidas como unha oferta de programa político, tarefa que non nos corresponde en tanto que movemento de renovación pedagóxica.

O presente documento está conectado con dous aínda recentes textos tamén elaborados desde Nova Escola Galega: "Propostas de Nova Escola Galega para a acción política municipal no ámbito educativo" (maio de 2015), formulado desde o convencemento de ser a administración municipal o principal axente público inmediato para lles dar resposta ás necesidades e expectativas educativas da cidadanía, e "Nova Escola Galega ante as eleccións xerais 2015: reflexións e achegas sobre política educativa" (decembro de 2016), actualizado en xuño de 2016.

Principios de actuación

A educación é un dereito universal e por iso debe estar ao alcance efectivo de todas as persoas, en condicións de equidade social no horizonte de construción dunha sociedade cada vez máis xusta, solidaria e libre.

Cómpre salientarmos a centralidade da educación pública e da consecuente política educativa ao servizo do dereito de todas as persoas e de cada unha en particular, das garantías da desexable cohesión social, dada a distribución desigual de oportunidades económicas, sociais e culturais socialmente dominante e dos complexos retos a afrontar para a construción dunha sociedade efectivamente democrática.

Hai que sinalar a prioridade do financiamento público, isto é dos centros educativos de titularidade e xestión pública, e loitar tamén desde as políticas públicas contra a vulnerabilidade e a fractura social e cultural, a onde conducen diversos procesos formativos e institucionais caracterizados pola segmentación e a distinción social.

É necesario impulsarmos unha mobilización cívica e democrática institucional contando cos actores implicados na comunidade educativa e co conxunto do tecido social, despois de dúas lexislaturas de xestión administrativa acentuadamente neoliberal, con ausencia dun proxecto político educativo acorde co Estatuto de Autonomía de Galicia. Asemade, cómpre fortalecermos o sentido deliberativo e a democracia participativa, así como as capacidades de acción e decisión das diversas instancias de xestión democrática das institucións educativas.

Reclamamos un sistema educativo galego e galeguizador, que se constitúe e impulsa desde as enerxías creadoras e cívicas dos galegos e das galegas, que responda ás necesidades culturais, científicas, técnicas e sociais de Galicia, que goce de identidade cultural específica como patrimonio e memoria que deben ser asento do noso horizonte colectivo, nunha contorna mundial de moi fortes mudanzas que nos afectan e ante as que debemos ter unha posición reflexiva, activa e participativa e non dependente.

No contexto dunha sociedade plural, que debe ser esixente en canto ao cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e das súas traducións xurídicas internacionais, debe ser promovido o laicismo, a primacía da racionalidade na construción e investigación crítica do coñecemento, como tamén da racionalidade ética.

Nun escenario de busca da sustentabilidade e de uso racional dos recursos, a Administración galega, tamén no eido da educación, debe practicar a planificación, a coordinación e as economías de escala. A educación como servizo público ten moi alta proximidade con outros servizos públicos, sendo pois posible pensar na coordinación e cooperación para unha mellor eficiencia dos recursos humanos e, en particular, das infraestruturas como vía de loita tamén contra os desequilibrios territoriais, procurando unha atención específica, integral e inclusiva ás necesidades educativas do medio rural.

Rexistrada no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galicia nº 2004-7521-1 · Declarada de Utilidade Pública (Orde INT/2335/2008, BOE 5/8/08)

Se estes fosen obxectivos estratéxicos, cómpre traducilos en compromisos políticos concretos e definir áreas prioritarias de intervención.

Medidas a impulsar:

En relación co dereito de todas e todos á educación:

Incrementar a creación pública de prazas e centros de educación infantil para o ciclo 0-3, consonte co pertinente estudo diagnóstico e prospectivo de necesidades.

Revisar as normas relativas ás ratio escolares/docentes nas diversas etapas do sistema educativo e a posibilidade de axustes segundo necesidades metodolóxicas de acción docente, procedendo á súa aplicación. Favorecer os desdobres de aulas e a presenza de profesorado de apoio que permita a racional atención á diversidade educativa, así como reducir as circunstancias docentes actualmente relacionadas coas ‘materias afíns’.

Combater as circunstancias favorecedoras da discriminación e o abandono escolar, en particular relacionadas coa inmigración, a condición de clase social e a condición sexual.

Proceder a unha revisión dos tempos escolares e oportunamente dos calendarios, tomando en consideración as indicacións cronobiolóxicas actualmente inconsideradas, a conciliación de tempos familias-institucións escolares, impedindo que as distintas modalidades de "externalización" das aprendizaxes escolares (deberes, academias, programas de apoio de organizacións do terceiro sector...) acentúen a desigualdade.

En relación cos centros de educación:

Elaboración e aprobación dun novo regulamento orgánico de centros, tomando en consideración a reforma da lexislación educativa de alcance estatal á que se procederá previsiblemente.

Desenvolvemento efectivo da normativa en materia de atención á diversidade e adecuación da mesma ás necesidades reais do alumnado e do conxunto da Comunidade educativa, acompañadas dunha formación docente de calidade e da atención especifica de profesionais cualificados.

Fortalecer e intensificar os programas de innovación educativa, actualmente englobados no Programa Proxecta, tomando como punto de partida a idea dos "centros que aprenden e crean", así como as posibilidades de traballo en rede e da constitución de redes de centros que estendan innovacións consideradas valiosas.

Cómpre potenciar as capacidades de xestión democrática dos consellos escolares, así como os equipos docentes e a súa estabilidade organizada e crítica, como garantía de desenvolvemento dos proxectos educativos de centro.

É necesario que os centros estean imbricados nos seus contextos socioculturais e coordinados, segundo os casos, no ámbito municipal ou comarcal. Iso poderá esixir a incorporación nas cadros de recursos humanos doutras persoas profesionais, como as ‘educadoras sociais’.

Hai que cualificar a todos estes efectos a dimensión pedagóxica e organizativa dos Centros de Formación do Profesorado e Recursos (CFR) e dos servizos de Inspección educativa.

Rexistrada no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galicia nº 2004-7521-1 · Declarada de Utilidade Pública (Orde INT/2335/2008, BOE 5/8/08)

Cómpre un esixente control das subvencións ao ensino privado concertado, sendo oportuno reducir progresivamente o destino de recursos públicos a estas subvencións, nun contexto de ampla existencia de prazas de escolarización pública. Deberán ser eliminados os concertos dos centros privados que segregan por sexo. É mester realizar un estudo público de diagnóstico das diversas situacións do ensino privado (concertado e non concertado) a fin de coñecer mellor os indicadores que favorecen prácticas de indesexable discriminación educativa. Será necesario tamén mellorar a oferta pública nos ciclos con máis demanda da FP, evitando que a maioría da oferta nalgúns deles sexa urbana e privada.

Hai que promover a xestión pública directa de todos os servizos complementarios do ensino público. Estes servizos (comedor, transporte, actividades extraescolares...) deben ter unha cobertura suficiente e con parámetros de calidade contrastada. A aspiración á súa gratuidade debe apoiarse na profunda revisión do réxime de fiscalización actual, evitando fórmulas de "copago" que non resolven o problema de fondo.

Co obxectivo de dotar as Ensinanzas Artísticas Superiores das condicións académicas que permitan rematar coa discriminación e a ambigüidade que marcan negativamente estes estudos, afastándoos dos parámetros de calidade doutros países da nosa contorna, a administración educativa debe iniciar un proceso de adscrición e integración destas ensinanzas no Sistema Universitario Galego (SUG). Isto permitirá, ademais, completar o mapa de titulacións do SUG, que presenta unha oferta moi limitada neste ámbito, e saír ao paso da crecente oferta que está facendo a universidade privada, a prezos inasumibles para unha parte moi importante do estudantado.

En relación cos currículos:

Hai que proceder á revisión dos actuais decretos curriculares mediante procedementos alternativos ás habituais condutas burocrático-administrativas, tendo presente un proxecto cultural suficientemente nítido e definido. Os currículos oficiais deben ser quen de adaptarse ás necesidades persoais e sociais reais, e a modelos pedagóxicos innovadores acordes cos avances sociais e tecnolóxicos.

É mester promover e difundir a oportuna documentación didáctica de acompañamento e de orientación para o profesorado, os centros e as familias, por medio das tecnoloxías dixitais.

A coordinación e as redes de centros deben permitir ampliar experiencias e distribuír orientacións de experimentación, con específica atención ás prácticas curriculares de aprendizaxe cooperativa e de comunidades de aprendizaxe.

Un axeitado desenvolvemento curricular vai unido á necesidade de velar pola elaboración e selección de recursos e materiais educativos facilitadores de aprendizaxes enriquecedoras e significativas para o alumnado, o que sen dúbida pasa pola necesidade de ofrecerlle ao profesorado tempos, espazos e formación para que poida elaborar ou adaptar materiais, tanto de carácter impreso como dixital. Asemade, cumpriría que a administración educativa asumise a difusión de materiais curriculares innovadores, recoñecendo e valorizando as experiencias pedagóxicas desde as que se deseñan e desenvolven. De redimensionar axeitadamente o papel dos libros de texto superaríase a polémica actual, ademais de liberárense partidas económicas que permitisen aos centros xestionar directamente a adquisición e elaboración de materias curriculares adaptados ao seu proxecto educativo. Sería igualmente indispensable que a administración educativa resituase as relacións co sector editorial para que non sexa o mercado o que condicione a educación, senón a educación a que oriente o sector editorial.

En relación co profesorado:

Precisamos favorecer a estabilidade laboral do profesorado e dos equipos docentes fronte ás políticas laborais que prexudican a calidade dos servizos públicos.

Rexistrada no Rexistro Central de Asociacións da Xunta de Galicia nº 2004-7521-1 · Declarada de Utilidade Pública (Orde INT/2335/2008, BOE 5/8/08)

Cómpre promover procesos de revisión e actualización da formación inicial docente e do conxunto de profesionais da educación, con participación das organizacións representativas do profesorado, dos centros universitarios de formación inicial docente, dos centros educativos e da Administración educativa, de xeito que esta sexa suficientemente permeable ás transformacións socioculturais e aos retos que a sociedade actual formula en termos de elaboración e difusión do coñecemento, dos valores asociados á formación da cidadanía e das expectativas sociais en torno á educación como proxecto colectivo. Todos estes elementos obrigan a resituar as funcións dos profesionais da educación, e mesmo poden requirir a reordenación dos recursos humanos e científicos dispoñibles, así como a oferta académica na que se asenta a formación inicial destes profesionais no sistema universitario galego.

Cómpre revisar os criterios e as programacións actuais relativas á formación en servizo do profesorado no marco dos principios e medidas aquí sinaladas. Falamos dunha formación permanente acorde coas necesidades reais dos profesionais docentes, dos centros educativos, da comunidade educativa e da sociedade en xeral. Hai que abrir un novo escenario relativo á profesión docente en Galicia: motivación, función social, impulso creador que precisa dun adecuado recoñecemento tanto profesional como social.

Sería oportuno incorporar na formación inicial e en servizo do profesorado a experiencia, as capacidades e os coñecementos adquiridos e recoñecidos por unha parte singular do profesorado, mesmo entre aqueles que por razón de idade se acollen á procesos de xubilación anticipada.

O acceso á función pública precisa dunha efectiva revisión e actualización consonte cos avances científicos e cos retos educativos. Debe rexerse por criterios que garantan a obxectividade, rigorosidade, transparencia e igualdade de oportunidades. Débese realizar un estudo rigoroso sobre a previsión da matrícula de alumnado nos vindeiros anos, así coma das xubilacións, que permita a planificación e publicación das prazas a crear durante a lexislatura. Malia non ser competencia directa, o goberno galego debe exercer a presión necesaria sobre a taxa de reposición para conseguir a derrogación desta medida e, no entanto, velar pola aplicación menos restritiva posible da mesma.

En relación coa galeguización:

É necesario aprobar un Decreto de Normalización da Lingua Galega no ensino que fomente o dominio e uso escolar e social do galego, superando a actual situación de minusvaloración individual e social á que contribúe o presente e efectivamente diglósico Decreto do plurilingüismo. Debe estar inscrito nunha política xeral que promova o uso e a dignificación do galego como lingua propia dos galegos e galegas.

É mester promover o coñecemento e comprensión da lingua portuguesa, mediante unha aprendizaxe lingüística comparada, tomando en consideración a proximidade lingüística cos países de lingua portuguesa. Neste sentido, cómpre un esforzo sostido a fin de que se poida ensinar o portugués como segunda lingua estranxeira optativa na xeneralidade dos centros de educación secundaria.

Precisamos crear unha dotación de materiais e recursos didácticos de calidade en galego, diversificados e actualizados. É imprescindible unha importante actuación da Administración educativa, tanto para materiais en formato impreso como dixitais. Neste senso, é necesario o fornecemento de ferramentas de creación e adaptación libres, cooperativas, motivadoras, facilmente adaptables e deseñadas respectando os parámetros de accesibilidade web.

Cómpre revisar profundamente o deseño e posta en práctica dos chamados programas bilingües e multilingües desde a perspectiva da súa orientación ao conxunto do alumnado e do respecto ao necesario afianzamento da nosa lingua propia, evitando que sexan usados para a selección do alumnado, mingúen o axeitado coñecemento científico e minimicen a presenza da nosa lingua no currículo.

Horizontes

Precisamos desenvolver unha ampla concertación social democrática encamiñada a un Acordo nacional galego pola educación, como estratexia política e contexto onde podermos asentar unha Lei Galega de Educación, concorde cun novo escenario constitucional español, e onde se afirme a vontade cívica e política de futuro da cidadanía galega.

Precisamos un Acordo nacional galego pola lingua, que implique a oportuna revisión do Plan Xeral de Normalización de 2004, dándolle agora a precisa forza de lei.

Precisamos un Plan galego de desenvolvemento comarcal e de escolarización nas contornas rurais, que incorpore transversalmente a acción de varias Consellarías da Xunta de Galicia, en conexión cunha axencia galega de planificación e desenvolvemento dos servizos públicos, para reverter o proceso de desmantelamento das contornas rurais.

As anteriores propostas requirirán unha ampla transformación da dinámica burocrática e de parálise actual das capacidades de participación, debate e consulta previstas para o Consello Escolar de Galicia e demais consellos contemplados legalmente.

Cómpre crear un Instituto galego de investigación educativa, de desenvolvemento curricular e de formación e innovación didáctica, consorciado entre a Xunta de Galicia e as universidades públicas de Galicia, baixo un Consello académico e directivo con precisa e democrática participación e representación profesional e social. Neste sentido, é necesaria una Axenda galega de investigación educativa, dotada dun adecuado órgano de comunicación científica.

Puedes seguir este artículo en; @cayetanaAT @FeijooGalicia @_MartaGonzalez_ #secretariademedios @pp @ppdeg #ppdegalicia @xunta #xunta #retegal #amtega #eleccionesxunta @IdiazAyuso @idiazayuso2019 #retegal #amtega #bng #psdeg #enmarea #ciudadanos #feijoogalicia #galiciafeijoo @TurismoGalicia @Turgalicia @TurismoGalicia1) @turismoriasbaixas @PresumeDGalicia
@ppdegalicia #turismogalicia #costadamorte #xunta #xuntadegalicia #pp #ppdeg #ppdegalicia #riasbaixas #riasaltas #costadamorte #islascies #ascatedrais #ribeirasacra #ribeirasacra #vigo #lavozdegalicia #lacozdegalicia #mermeleros #cloacasperiodismo #TEM_RistoMejide #RistoMejide #TEM #FeijóoConVox #GaliciaSuma #EspañaSuma #EvoMorales #Bolibia #galiciafeijoo #feijoogalicia #turismogalicia #FeijóoConVox.

Que teñen preguiza. Nunca quixeron traballar:  Denuncia; Envíanos los datos a holgazan@acciónytransparenciapublica.com     mais sobre preguiza..+