Información
Elecciones municipales de Galicia

Ana Pontón pide “saír a por todas” convencida de que o avance do Bloque nos comicios locais será “o primeiro paso para desaloxar ao PP da Xunta”

Información
07 Mayo 2018 1168 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Ana PontónOs concellos gobernados polo BNG son exemplo de transformación en beneficio da maioría social, referentes de políticas de benestar e calidade de vida, de rexeneración urbana e de dinamismo económico e social. Ese gran activo político será a base da estratexia electoral municipal do Bloque, que terá como elemento central o éxito dos seus gobernos municipais e o concepto de concellos BNG como sinónimo de “marca de calidade”.

 

“Os municipios que goberna o BNG son un desafío a esa idea de que Galiza non pode valerse por si mesma”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, no cumio de concelleiras e concelleiras, alcaldes e alcaldesas que congregou en Santiago a cerca de 300 cargos locais na primeira xornada de traballo de preparación dos comicios de 2019.

“Demostramos con feitos que temos un modelo propio que funciona desde a confianza nas capacidades deste país, que non necesita copiar o que ven de Madrid,  un modelo que podemos ver en cada un dos concellos nos que temos responsabilidades de goberno, desde aqueles máis consolidados aos máis recentes, desde Allariz e Pontevedra, a Carballo, Rianxo, Tomiño,  Bueu, San Sadurniño, A Mezquita, Castrelo de Miño,...por citar algúns exemplos”, argumentou Pontón. “É un feito obxectivo que en cada un dos concellos nos que o BNG goberna as cousas funcionan razoablemente ben e deixamos pegada importante”, recalcou.

Con ese aval, a portavoz nacional animou aos concelleiros e concelleiras e ao conxunto da militancia “a poñerse mans a obra” na preparación das eleccións e “a saír a por todas e sen complexos, porque se hai unha forza política que ten un proxecto transformador a favor da maioría social esa é o BNG”, proclamou, un proxecto que non se queda nas palabras senón que se traduce en realidades, “e esta é unha solvencia que non teñen outras forzas políticas”.

Neste sentido, subliñou que os gobernos municipais nacionalistas foron capaces de aportar solucións aos problemas de mobilidade nas urbes, de crear vilas e cidades máis habitables sen renunciar a posta en valor do patrimonio, de potenciar o comercio local como fonte de emprego e dinamización social, de conseguir que a veciñanza se beneficie do feito de ter o maior número de eólicos por habitante do Estado abaratando a factura da luz (Muras). Gobernos municipais capaces de facer da lingua e da cultura un elemento de cohesión, concellos libres de caciquismos e corrupcións, abertos e transparentes.

Eva VillaverdeCaudal de experiencia

Con esa “bagaxe e caudal de experiencia acumulado”, -ao que se suma unha organización “sólida e cohesionada”-, Pontón declarou que o Bloque está nas mellores condicións para aumentar a súa representación social, en especial nas cidades, e converter ese avance na antesala dun cambio na Xunta. “Temos que promover un cambio de ciclo político desde a base, e dígovos que o avance do BNG nas eleccións municipais será o primeiro paso de cara a desaloxar ao PP da Xunta”, recalcou.

A dirixente nacionalista parabenizou a todos os responsables municipais polo seu esforzo e dedicación, tanto desde o goberno como desde a oposición, “tendes motivos para estar orgullosas e orgullosos”. “Hoxe non hai ningunha forza política que poda presentar un balanzo de goberno como o do BNG, e non é froito da casualidade senón dun proxecto político que funciona desde confianza no país”, concluíu Pontón.

A xornada de traballo contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Cesar Mosquera, da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do secretario de Comunicación, Xavier Campos, seguida en cada caso dun debate e posta en común de ideas por parte dos responsables municipais.