Información
Portada

A pesca marítima recreativa xa ten o seu código de boas prácticas

Información
04 Febrero 2019 511 votos
4 1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 Rating 80%

No marco do Proxecto SICORE que lidera a USC para analizar o impacto socioeconómico e ambiental da pesca marítima recreativa en España, o profesor Sebastián Villasante e o investigador Pablo Pita, ambos os dous da Universidade compostelá, acaban de rematar a coordinación do Código de Boas Prácticas na Pesca Marítima Recreativa. Este documento supón unha novidade no ámbito da Pesca Marítima Recreativa en España, por ser a primeira vez que todo o sector acorda en común unhas normas propias.

 

Nas costas de España practican a pesca recreativa aproximadamente 900.000 afeccionados, que contribúen notablemente ao desenvolvemento da economía por medio dos investimentos que realizan na súa actividade. Ao tempo, a pesca marítima recreativa opera en España nun marco legal complexo e disperso, con múltiples administracións involucradas en diferentes aspectos da actividade e con solapamentos de usos no medio mariño con outros sectores.

Neste contexto, facíase necesario un Código de Boas Prácticas para a pesca marítima recreativa en España que recollera as propostas realizadas polos diferentes sectores involucrados e grupos de interese. Así, no I Simposio Internacional ISMAREF celebrado en Vigo o setembro pasado, persoal científico, xestores públicos, membros de ONGs e pescadores recreativos e profesionais comezaron a traballar nel. A pesar de que existen outros códigos similares en Europa e España, en maior ou menor medida baseados no código de conduta de pesca responsable da FAO e nas súas orientacións técnicas para a pesca recreativa responsable, ningún deles fora desenvolvido especificamente para a Pesca Marítima Recreativa en toda España.

Proxecto SICORE
 O Proxecto SICORE iniciouse co obxectivo de fortalecer iniciativas de colaboración intersectoriais na pesca marítima recreativa, mediante a creación dun consorcio formado por institucións científicas e asociacións de pescadores, coa colaboración de administracións públicas, ONGs e outros grupos con interese na materia.

SICORE é unha iniciativa impulsada por un consorcio liderado pola USC e financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do Programa Pleamar co financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Os socios do proxecto son a Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo, o Centro Tecnolóxico AZTI-Tecnalia, o CSIC a través de CEAB-CSIC e CSIC-IMEDEA, e as Universidades de Girona e de Murcia. Ademais, colaboran a  Consellaría do Mar, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, o  International Forum for Sustainable Underwater Activities, a Asociación Nacional de Empresas Náuticas, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas e WWF España.

Otros articulos relacionados.....