Celanova 28 de abril de 2024.- A Praza Maior de Celanova acolleu hoxe un acto único e reivindicativo onde centos de persoas visibilizaron o seu apoio á reivindicación para que a Xunta de Galicia recoñeza o Camiño de San Rosendo como un ramal xacobeo do a Vía da Prata, tras o recoñecemento da Igrexa como oficial no ano 2021.
Os oito concellos ourensáns por onde descorre o camiño como son Lobios, Bande, Muíños, Lobeira, Verea, Celanova, A Merca e San Cibrao das Viñas, organizaron unha gran festa na que participaron os voluntarios da Asociación de Amigos do Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa, empresas da zona e colectivos como a Asociación Via da Prata Camiño Mozárabe ou a parroquia de San Rosendo de Celanova.
Baixo o lema “Oito andainas, unha reivindicación”, na mañá deste domingo tiveron lugar oito percorridos por diferentes tramos do Camiño con saída as 9,00 horas e distancias entre 7 e 13 quilómetros. A actividade gratuíta, contou con máis de 600 participantes inscritos que, de forma simultánea, tiveron a oportunidade de desfrutar e descubrir parte do trazado por cada municipio e os fermosos segredos que agocha.
Unha vez realizado o tramo, os participantes que non chegaron a Celanova foron trasladados en autobús ata a vila de San Rosendo -servizo de bus, ida e volta, gratuíto- para, participar un acto lúdico de unión e confraternización que incluíu a benvida aos participantes por parte dos representantes da parroquia de San Rosendo, a lectura do manifesto reivindicativo do Camiño de San Rosendo, a presentación do certificado Rudesindus que se entregará a todos aqueles peregrinos que completen os primeiros 157 quilómetros entre Santo Tirso (Portugal) e Celanova e os premios do Concurso Escolar “Debuxa o teu Camiño”.
Unha primeira edición que deixou moi bo sabor de boca entra a asociación organizadora, que impartiu charlas nos centros de ensino da bisbarra (infantil, primaria e ESO) e que convocou a un certame que, coa inestimable colaboración do profesorado e asociación, contou con 459 participantes. Despois da reunión do xurado a semana pasada, entre os que se atopaban as artistas Olga Bernado e Katherina Ojea, onte fixose público o nome dos gañadores que resultaron Lara Casal do CEIP Curros Enríquez de Celanova na categoría 1 (segundo ciclo de Educación Infantil e primer ciclo de Educación Primaria); Natalia Álvarez do Curros Enríquez de Celanova na categoría 2 (segundo e terceiro ciclo de Educación Primaria); Uxia Pascual do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro na categoría 3 (Eso), concedendo ademáis o xurado un premio especial pola alta participación na categoría 1 a Chloe Nespereira do CEIP Joaquina Gallego Jorreto da Merca.
A Banda de Gaitas de Celanova foi a encargada de ambientar a xornada, cun pasarruas matutino polas prazas da vila, ademáis da actuación no propio acto e o percorrido final ata a Alameda de Celanova, onde os participantes foron agasallados cunha degustación de porco ao espeto, antes de levar de regreso aos peregrinos ao punto de partida.